Sobre min

SOBRE MIN

“Para educar é necesaria a tribu enteira”

“Se queres chegar rápido, camiña en soidade.
Se queres chegar lonxe, vai en compañía”

Estes dous proverbios resumen a miña forma de traballar e de estar no mundo.

Logo duns anos de diferentes experiencias en distintas organizacións, decido tomar un camiño propio da man da miña maternidade. Canto lle teño agradecido á miña experiencia como nai, xunto coa de outras familias que fun coñecendo ó longo do camiño. Síntome moi agradecida tamén, a todas as aprendizaxes noutros ámbitos tanto persoais coma profesionais e que me foron guiando ata aquí. Converterme en nai, axudoume a integrar coñecementos, a buscar formación específica e sobre todo, a gañar en humildade. Ruth e Roi, fóronme amosando o camiño que me trouxo ata a psicoloxía perinatal. E tamén Alfonso o seu pai e compañeiro de vida, quen tamén foi e segue a ser unha fonte importante de inspiración e aprendizaxe constante neste ámbito de traballo.  A psicoloxía perinatal é o ambito da psicoloxía que se centra no proceso emocional e psicolóxico que vai dende a preconcepción, ata o embarazo, o parto e o postparto e a crianza.

De mais atrás me ven, (supoño que dende os tres ou catro anos que é cando tomamos consciencia da construción social de xénero e dos seus mandatos) o interese pola problemática específica que temos as mulleres polo mero feito de selo. Ó igual que tamén me ven de atrás, a miña preocupación por toda a problemática que se deriva dun modelo de sexualidade estereotipado e obsoleto, e lonxe da realidade e da ciencia, no que desgraciadamente tamén fai falta traballar e que require de apoio psicolóxico polo contexto social no que vivimos e ó que aínda lle queda moito por coñecer do ámbito da diversidade.

E neste marco de trauma subxacente é onde descubro o EMDR, abordaxe terapéutica no que me formei, e que tanto me ten axudado e me segue axudando no ámbito da psicoterapia e sanitario.

Tamén participo dende fai tempo no contexto do voluntariado, en asociacións, iniciativas e programas específicos de carácter sanitario e social, nos que a colaboración e o feminismo constitúen dous grandes pilares.

Col. Nº G-3079 / Rexistro Sanitario C-36-002204